Saltar navegación

Para deleite da vista e o oído

Cumes, cumios, picos, picotas, outos... son infinitos os topónimos que designan lugares altos dende os que se poden divisar boa parte da xeografía galega. Isto é consecuencia da elevada altitude media que hai no noso país. "A Guarda" probablemente fai referencia a un lugar alto dende o que se podía vixiar. Alí, no monte Santa Tegra, atópase un dos castros mellor conservados de Galicia, e dende o seu cumio aprécianse as vistas máis fermosas da desembocadura do río Miño.

Pola contra, noutras ocasións, son os sitios chans os que se sinalan: vales, chairas, planicies...Soen estar situados entre montañas ou á beira de ríos, coma o caso do literario lugar de Bastavales, do concello de Brión, na provincia da Coruña. O seu nome quere dicir vales extensos, por onde discorre a conca do río Sar.

Campanas de Bastavales,
cando vos oio tocar,
mórrome de soidades.

Cando vos oio tocar,
campaniñas, campaniñas,
sen querer torno a chorar.

Cando de lonxe vos oio,
penso que por min chamades
e das entrañas me doio.

Dóiome de dór ferida,
que antes tiña vida enteira
e hoxe teño media vida.

Só media me deixaron
os que de aló me trouxeron,
os que de aló me roubaron.

Non me roubaron, traidores,
¡ai!, uns amores toliños,
¡ai!, uns toliños amores.

Que os amores xa fuxiron,
as soidades viñeron...
De pena me consumiron.

Campanas de Bastavales,
cando vos oio tocar,
mórrome de soidades.

                       Rosalía de Castro

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0