Os orotopónimos
Non nos enganamos se dicimos que, de todos os topónimos de Galicia, os orotopónimos son os máis abundantes. Lembra que os orotopónimos fan referencia ao relevo do terreo, e a nosa terra é rica en altos e depresións que se van sucedendo ao longo da súa xeografía, ao igual que as terras chás entre montañas ou á beira de ríos. Tamén somos ricos en pedras de distintos tamaños e formas, e iso reflíctese igualmente na nosa toponimia. Os litotopónimos son os nomes de lugar que teñen na súa base ben a palabra xeral "pedra" ou ben algunha outra que fai referencia a algún tipo de pedra concreta.
As imaxes comentadas e outros orotopónimos e litotopónimos
Os topónimos que se relacionan con monte son moi abundantes en Galicia. Poden presentarse en forma de palabra simple (Montes, por exemplo) ou, incluso máis frecuentemente, en forma de palabras compostas. Este é o caso de MONTERROSO (Lugo), que procede dun monte roxo, cor entre vermella e amarela.
Os litotopónimos son igualmente frecuentes en Galicia, son moitos os derivados de PEDRA: Pedreira, Pedroso, Pedrouzo...Este PEDROUZO tomámolo do concello de Ames (A Coruña).
Pero non todas as pedras son iguais, por iso ás veces na toponimia atopamos referencia a palabras que designan tipos de pedras, coma neste caso: LAXE (A Coruña), pedra plana de grandes proporcións.
E aquí un topónimo que representa as pedras de pequeno tamaño ou tamén chamadas seixos. Está en Teo (A Coruña).
Incluso en ocasións nos din como se atopan esas pedras, como aquí en PARAFITA (Valga) ou en Pedrafita (provincia de Lugo), literalmente pedra fincada ou chantada no chan.
As covas, grandes e pequenas, tamén ocupan un lugar importante nos orotopónimos. Fíxate neste COVELIÑAS de Ramirás (Ourense).
Outras veces, a toponimia sorpréndenos con nomes coma este, que designaría un territorio solleiro, é dicir, exposto boa parte do día ao sol. SOLLEIRO está en Tomiño (Pontevedra).
E se nuns casos o terreo é solleiro, noutros está exposto ao vento, como aquí en VENTOSA (Ames, A Coruña).
Este CATROVENTOS de Santa Comba (A Coruña) fálanos dun terreo chan onde, cando o vento pega, vén de todas direccións.
E non só a toponimia rexistra os lugares outos, senón tamén os vales, chairas ou planicies, como aquí á beira do curso baixo do rio Ulla, no concello de VALGA (Pontevedra).
Os vales en Galicia hainos loiros (VALOIRA), outos (VALOUTA), longos (VALONGO) e tamén os hai bos como amosa este VALBOA do concello de Meis (Pontevedra).
E se vales, valgas e valgadas fan referencia a terreos de certa extensión, tamén temos arreo valiños e valiñas para dar conta de vales de menor extensión.Este está en Santiago de Compostela.
Non sempre que se fai referencia a un terreo plano, se utiliza a palabra val, outras veces utilízase chan ou chao para indicar o mesmo. Aquí tes CHAO DO RÍO, en Teo (A Coruña).
Outro exemplo disto é CHAN DE ESPIÑO (Ponteareas, Pontevedra) onde non nos indica a localización (á beira dun río, coma no caso anterior) senón o tipo de vexetación que alí hai.
Os terreos, de varias alturas, e as súas denominacións, están moi presentes na toponimia como dixemos . Case non hai parroquia en Galicia que non teña o seu OUTEIRO, que sempre se atopará nunha pequena elevación. Este é de Ames (A Coruña).
Outras veces, os terreos gañan altura e convértense en cotos ou picotas, coma neste caso do concello de Ramirás (Ourense).
Sabes o que é unha insua? Pois unha pequena illa no medio dun río. A toponimia recolle a súa existencia, como aquí no concello de Ames (A Coruña).
As gándaras e o seu diminutivo (gandariña, gandarela...) ocupan un lugar importante nos nosos topónimos. Sabes o que é unha gándara? Un terreo onde medra pouca vexetación. Esta GANDARELA ou gándara pequena está en Celanova (Ourense).
Couso e derivados (por exemplo este diminutivo COUSELO en Cuntis na provincia de Pontevedra) son moi habituais. Un couso fai referencia a unha depresión do terreo.
Cando o terreo se pon pino, a toponimia rexistra este accidente xeográfico de varias maneiras. Aquí che presentamos un curioso A COSTIÑA que atopamos no Carballiño (Ourense).
Lombo é o nome dunha parte do corpo humano: as costas; pero tamén se rexistra (ao igual ca A Lomba, Lombao) para designar unha pequena elevación do terreo. Este O LOMBO está en Pontecaldelas (Pontevedra).
Unha fochanca no terreo, burato...teñen distintas denominacións na toponimia. A Burata, por exemplo, ou (coma neste caso do concello de Oroso, A Coruña) A FOCA.
Igualmente, podemos atopar acompañando a Cova algún adxectivo que nos dá idea da súa forma ou formación. Este é o caso de COVATERREÑA (Baiona, Pontevedra).
Unha pena, ademais dunha tristura, pode ser unha pedra de boas dimensións. En Catoira (Pontevedra) recollen na súa toponimia AS PENAS.
ACTIVIDADES
1. Imos seguir completando o documento de vocabulario, con estes termos do campo semántico da orografía (xa tiñas algúns anotados deste mesmo campo). Ademais, deberás anotar tamén a diferenza entre "insua" e "illa".
2. Procura, entre os topónimos anteriores, algún caso no que a palabra teña unha homónima. Anota os significados de cada entrada do dicionario.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0