Os odotopónimos
Por odotopónimos entendemos os nomes de lugares que fan referencia a vías, camiños, carreiros...que unen espazos entre si ou discorren por núcleos habitados. Tamén se inclúen dentro dos odotopónimos os cruces de camiños ou encrucilladas, onde antigamente soían colocarse cruceiros: grandes cruces de pedra. Do mesmo xeito, consideraremos odotopónimos os nomes de lugar que fan referencia ás pegadas que poden quedar nos camiños tralo paso dalgún vehículo ou os pasos ou accesos que nos podemos atopar nos camiños en forma de portas.
Outros odotopónimos
O concello de PORTAS (Pontevedra) representa moi ben os topónimos que se refiren aos accesos ou pasos a distintos lugares que se poden atopar ao longo dos camiños.
Os diminutivos de PORTAS (os Portelos, Portelas) son moi abundantes co mesmo significado de acceso a fincas ou leiras. Aquí che presentamos un en Baiona (Pontevedra).
Os camiños de... aparecen xiscados por toda a xeografía de Galicia. Están formados polo subtantivo xeral Camiño e unha especificación que, neste caso, vén dada por unha frase preposicional que nos indica que é o camiño que conduce a un nabeiro ou leira de nabos. Este está en Bueu (Pontevedra).
Noutras ocasións, coma neste CAMIÑO REAL (Lalín, Pontevedra), a especificación de camiño vén dada por un adxectivo. Soían denominarse camiños reais os camiños principais dunha rede viaria antiga, hoxe substituída por estradas.
Este odotopónimo atopámolo en Ames (A Coruña). CALO, palabra de orixe prelatina, está recollido nos dicionarios como un camiño estreito e costento.
Unha corredoira é un camiño de carros, palabra derivada do verbo correr. En Galicia hai medio cento de núcleos de poboación con este nome. Aquí temos A CORREDOIRA sita en Catoira (Pontevedra).
Unha congostra é un camiño estreito e fondo, que se atopa enterrado entre muros ou arroleiros. Esta CONGOSTRA está en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).
Noutras ocasións a toponimia recolle o nome de vías que transcorren entre casas ou rúas. Este RÚA está situado no concello de Ames (A Coruña).
CARRIL en Pontevedra ou CARRAL na Coruña son dous topónimos que están derivados da palabra carro, e indicarían un camiño de carros. Tamén aparece en Rois (A Coruña) este CARRAIS en plural.
CARREIRA atópase en Zas (A Coruña). Vén dun CARRARIA latino, é dicir, un camiño de carros.
En Galicia hai moitos lugares chamados VIEIRO, que se deriva de VIA , camiño estreito. Este está en Verea (Ourense).
Unha verea é un camiño estreito por onde discorre a xente e o gando. Aquí dá nome a un concello da provincia de Ourense.
E aínda que non o pareza o topónimo BREA ten exactamente a mesma orixe ca VEREA, pero presenta un B- que non está presente no seu étimo latino. A BREA que che traemos aquí está en Camariñas (A Coruña).
A REVOLTA fai referencia a un cóbado ou curva nun camiño ou río. Aquí tes un exemplo no concello de Sanxenxo (Pontevedra).
Como xa explicamos, son tamén odotopónimos os cruces ou encrucilladas de camiños. Para exemplificar isto traémosche EMPALME DE VILAR en Touro (A Coruña), lugar onde se cruzan varias estradas que van en distintas direccións.
ACTIVIDADES
Selecciona os termos referidos ás vías de comunicación (tipos de camiños) e anota o seu significado para incluílos no documento de vocabulario
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0