Os hidrotopónimos
Se dicimos que Galicia é o país da auga, seguramente moitas persoas estariamos de acordo. Esta presenza tan abundante da auga no noso país fai tamén que sexan moitos os nomes de lugar que teñen que ver con ela. En xeral, estes coñécense coa denominación de hidrotopónimos xa sexan de augas represadas ou de augas que corren libres, de augas que caen ou de nomes de ríos.
Outros hidrotopónimos
A raíz CALD- é sinónimo de quente. CALDAS DE REIS, poboación da provincia de Pontevedra, é coñecida precisamente pola presenza de fontes de auga quente.
Quizais se hai un nome que é o máis repetido nos hidrotopónimos é o de FONTE, que ás veces se presenta só e, noutras moitas ocasións, acompañado dalgún outro substantivo ou adxectivo. Aquí, no concello de Boiro (A Coruña) temos FONTECOBA, e dicir, unha fonte cova, fonda ou profunda.
E para que vexas exemplos desa abundancia da que acabamos de falar, aquí tes no concello de Lalín (Pontevedra) un FONTECABALOS. Esta sería unha fonte onde probablemete os cabalos fosen beber.
Noutras ocasións, o que se indica é o tamaño da fonte: Fontenlo, Fontenla, e este FONTAÍÑAS (concello de Cea, Ourense) serían mostra de fontes pequenas.
Outro substantivo moi común dos hidrotopónimos é AUGA, normalmene acompañado dalgún outro adxectivo, como neste caso onde se nos indica que a auga foi conducida ata alí por algún medio. AUGALEVADA está no concello de Noia (A Coruña).
E aquí tes un segundo exemplo do mesmo, pero neste caso do concello de Cotobade (Pontevedra), as augas son santas por algunha razón.
Os lagos e lagoas teñen abondosa presenza na nosa toponimia como representantes de augas estancadas, ao igual ca o Rial (de RIVALE, río pequecho) Neste RIAL DE LAGOA do concello de Dodro (A Coruña) podes ver os dous nomes.
Para demostrarche que o que acabamos de dicir é certo, aquí tés un LAGO no concello de Maside (Ourense).
E por suposto, non podían faltar os RÍOS. Aparecen ben sós (O Río) ou, máis frecuente, acompañados de adxectivos, como aquí, neste lugar de Muxía (A Coruña), onde o río vai torto.
Se unhas veces o río vai torto, noutras ocasións vai tinto, é dicir, tinxido, escuro, coma neste RIOTINTO do Concello de Teo (A Coruña).
Os regos e regueiras, aínda que non tan caudalosos coma os ríos, son correntes de auga. A súa frecuencia na nosa xeografía (regos, regatos, regueiros...) xustifica tamén a súa aparición frecuente na toponimia. Este A REGUEIRA está en Nigrán (Pontevedra).
Son moi frecuentes os topónimos deste tipo que ves aquí para denominar poboacións que quedan á beira de ríos, sobre todo dos máis importantes. RIBADUMIA, na provincia de Pontevedra, atópase ao pé do río Umia.
E outro tanto lle sucede á fermosa vila de RIBADAVIA (Ourense), nas marxes do río Avia, afluente do Miño.
Para o final deixamos unha serie de topónimos que teñen en común o designaren nomes de terreos húmidos, normalmente por atopárense á beira de ríos ou regatos que rebordan nalgunha época do ano. Este é o caso do topónimo A BRAÑA en Mazaricos (A Coruña).
Tamén moi comúns son as lamas e lameiros para isto mesmo. Incluso temos un concello do interior da provincia de Pontevedra que leva este nome: A Lama. O topónimo LAMEIRO que aparece na imaxe é de Negreira ( A Coruña).
BARCIA e BARXA son tamén habituais para designar este tipo de terreos alagadizos. Este atópase en Nigrán (Pontevedra).
A que parece o nome dunha profesión? Pois resulta que non, que tamén se utiliza LAVANDEIRA (Caldas de Reis, Pontevedra) para nomear este tipo de terreos que se anegan con facilidade.
E as rías, ao igual cós ríos aínda que con menor presenza, aparecen igualmente nos topónimos. Como exemplo traemos RÍA DE ABAIXO (Pontevedra).
ACTIVIDADES
1. Para seguir completando o documento de vocabulario, busca a diferenza entre estas parellas:
lago - lagoa // río - ría
2. Segundo o significado dos hidrotopónimos "Ribadumia" e "Ribadamia"; cal cres que pode ser o significado de "Ribadeo" e de "Castro Ribeiras do Lea"?
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0