Os ecotopónimos
Baixo esta denominación agrupamos aqueles topónimos que fan referencia de xeito xeral a construcións que poden ter distintas finalidades: vivendas de distintos tipos, edificios de almacenaxe e acubillo de animais domésticos, construcións para vadear un paso, para canalizar auga, edificacións de carácter artístico-relixioso... Estas poden aparecer nomeadas individualmente ou ben coma colectivos (grupos de...) Tamén incluiremos aquelas "construcións" que se deban á acción de animais coma niños ou tobos.
Outros ecotopónimos
De entre as edificacións para o descanso e avituallamento destacan en Galicia POUSADA, PARADA e VENTAS/ VENDAS (Vendas da Barreira), que se soían situar en moitas ocasións en descansos orográficos no medio de terreos costentos, un descanso do camiño. Este POUSADA é de Ames (A Coruña).
Como dixemos, tamén as construcións dedicadas ao acubillo animal, coma o caso das cortes, son condideradas ecotopónimos. Estas tamén están en Ames (A Coruña).
De moi diferente funcionalidade é esta construción que dá nome a unha localidade de Tomiño (Pontevedra). Soe facer referencia a hospitais de peregrinos.
Entre os substantivos máis comúns nos ecotopónimos está o de CASA, que aparece ben só ou ben acompañado dalgún adxectivo, como neste lugar do concello de Ames (A Coruña).
E tamén aparecen tipos de construcións segundo o seu tamaño ou calidade, coma CHOUPANA (Mazaricos, A Coruña), que se vas ao dicionario verás que fai referencia a unha casa pequena e ruín construída con materiais de pouca calidade.
Os monumentos funerarios da antigüidade teñen igualmente o seu oco na toponimia galega, coma neste caso de A MÁMOA, Ames (A Coruña).
Dirías que é un adverbio de tempo? Pois non: fai referencia a un grupo de ANTAS, un dos nomes que recibe o monumento funerario antigo coñecido como dolmen. ANTES é de Mazaricos (A Coruña).
E case non hai parroquia en Galicia que non teña a súa Igrexa recollida como topónimo. Chamounos a atención este SETEIGREXAS de Monterroso (Lugo).
Os QUINTÁNS e QUINTEIROS son moi correntes na toponimia galega, e soen facer referencia a quintas ou casas de campo con terreos anexos cercados. Este exemplo é de Ames (A Coruña).
VILAMEÁN fai referencia a unha vila mediana, ao igual ca outros topónimos como As Meáns, A Meana... Hai moitos Vilameáns espallados por Galicia, este é o de Tomiño (Pontevedra).
Entre as construcións que serven para vadear un río a máis popular é PONTE, moi común na nosa toponimia, ben soa ou, na maioría dos casos, acompañada dalgún adxectivo ou frase que especifica o seu contido. É o caso de PONTE DO PORTO, no concello de Camariñas (A Coruña).
As pontes hainas grandes e pequenas. Por esa razón atopamos na toponimia diminutivos de ponte para referirse a estoutras construcións máis pequenas e rústicas que soen servir para atravesar un regueiro. Este PONTELLOS está en Ordes (A Coruña).
Os abundanciais máis comúns entre os ecotopónimos son os VILARES e os CASAIS. Un casal ou casar é un grupo de casas. Aquí temos CASAL en Portas (Pontevedra).
En Galicia, ao longo dos séculos XVII e XVIII construíronse moitos PAZOS, casas señoriais petencentes á nobreza. Testemuña disto son os PAZOS, O PAZO...que salfiren a nosa xeografía. Aquí temos un PACIÑOS no Carballiño (Ourense).
Outra construción, neste caso para que vivan as pombas. Este POMBAL está en Sanxenxo (Pontevedra).
O Castro (Concello de Rois, A Coruña) é moi común na toponimia galega. Como sabes, son asentamentos antigos anteriores á época da romanización. En Galicia hai máis de tres mil castros localizados.
Xa mencionamos que Igrexa é o topónimo máis frecuente en Galicia, pero temos igualmente testemuña de capelas e ermidas, de menor tamaño ca unha igrexa. Este A ERMIDA recollémolo en Pontevedra.
Ben bonito é VILARCHÁN (Pontecaldelas, Pontevedra), unha palabra composta de substantivo e adxectivo que nos dá conta dun grupo de casas nun lugar chan.
Falabamos na presentación que iamos incluír aquí as construcións animais, o fogar ou o refuxio que os animais constrúen para si. Como mostra destes ecotopónimos achegamos dous ben bonitos: O FOXO (Silleda, Pontevedra) ou o refuxio do lobo.
O outro é ben rechamante por non atoparmos outro en Galicia coma este. O NIÑO DO CORVO está en Tordoia (A Coruña).
ACTIVIDADE
Continúa completando o documento de vocabulario cos ecotopónimos cuxo significado descoñezas.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0