Saltar navegación

O cruceiro do Hío

 

 

Os cruceiros son cruces de pedra de considerables dimensións que, entre outros lugares coma os adros das igrexas, soían colocarse nas encrucilladas ou cruces de camiños. En Galicia temos fermosos cruceiros, algúns con moito valor histórico-artístico. Se picas aquí, descubrirás o máis representativo: o cruceiro do Hío en Cangas (Pontevedra), do que deberás facer unha descrición topográfica (obxectiva ou subxectiva).

A seguinte información servirache de axuda para a ACTIVIDADE  sinalada:

A descrición consiste en explicar, de forma detallada e ordenada, como é un ser, obxecto, lugar ou fenómeno do mundo real ou imaxinario, presentando os seus trazos característicos para dar unha idea fiel deles. Implica a enumeración das partes que compoñen o elemento que se vai describir, a mención das súas características e a súa situación no espazo.

Calquera descrición parte primeiro dunha observación da realidade; a partir deses elementos observados lévase a cabo unha selección dos que resultan máis característicos ou relevantes, deixando fóra os que non resulten diferenciadores; despois faise a organización dos datos seleccionados, seguindo unha orde: do xeral ao particular (ou ao revés), de arriba abaixo, do anterior ao posterior, de dentro a fóra...; finalmente búscase a expresión máis axeitada ao que se quere describir.

Describir supón seguir unha serie de pasos:

  1. Observar
  2. Seleccionar
  3. Organizar
  4. Expresar

As descricións poden ser de distintos tipos, dependendo do criterio que utilicemos para a súa clasificación; así, segundo a actitude do emisor, podemos distinguir:

    • Descrición obxectiva: Infórmase do descrito con precisión, axustándose á realidade e sen realizar valoracións persoais, facendo unha enumeración precisa dos elementos e das súas características, usando un vocabulario obxectivo e eliminando o uso de recursos estilísticos. Adoitan aparecer en textos de ámbito académico (dicionarios, enciclopedias, manuais especializados...), xurídico-administrativos (informes forenses, xudiciais, documentos notariais...) e xornalístico (reportaxes, noticias...).
    • Descrición subxectiva: Infórmase do descrito introducindo as sensacións, emocións e sentimentos de quen describe, coa pretensión de idealizar, deformar ou transmitir as impresións producidas no emisor. O vocabulario que se utiliza non é obxectivo e poténciase o uso de recursos estilísticos. As descricións deste tipo máis usuais son as literarias, as cales adoitan conter xuízos de valor e empregar unha linguaxe que busca suxerir, sorprender e agradar ao lector ou oínte. Tamén se utilizan na publicidade.

Características dos textos descritivos

Nos textos descritivos son abundantes os substantivos que designan as cousas e os obxectos da realidade, e tamén os adxectivos, que explican como son eses obxectos. A comparación é un recurso que aparece con frecuencia nos textos descritivos.

Toda descrición se realiza seguindo unha orde determinada: do xeral ao particular, de arriba abaixo, de esquerda a dereita,... Para indicar esa orde úsanse os conectadores, sobre todos aqueles que sitúan os obxectos no espazo (conectores espaciais ou locativos) e que adoitan ser adverbios de lugar[1]: á dereita, ó fondo, nos dous lados, por riba,  por baixo, dentro, fóra, a/ó carón, a/ó rente(s), ó pé, ó redor, arredor, derredor, de fronte, fronte por fronte, á beira, ó lado, ó par…

Abundan os verbos copulativos (ser, estar, parecer, resultar), en detrimento dos que indican acción ou movemento, e os tempos máis utilizados, dependendo do tipo de descrición, son o presente e o copretérito.

                                                                      Adaptación da información contida en:

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1410256202/contido/Curso_LG_Comunic/tex/tex_ud1_01.html?orix=tex&tema=tex_ud1_01.html



[1] Aínda que non todos os conectores espacias son adverbios de lugar, nin todos os adverbios de lugar son conectores espaciais.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0