A estrutura dos nomes
Antes de entrar de cheo na análise da estrutura dos topónimos, convén lembrar algúns aspectos sobre os elementos constitutivos dos nomes. Velaquí unha información básica:
As palabras variables, coma os nomes, están constituídas por un lexema ou raíz, e por uns elementos que se lle engaden, chamados morfemas. O lexema é o que contén o significado léxico da palabra, mentres que os morfemas poden especializar e determinar ese significado, ademais de clasificar a palabra nunha determinada categoría gramatical.
Podemos clasificar os morfemas en:
- flexionais, gramaticais ou desinenciais: non engaden significado léxico á raíz ou lexema, senón que conteñen indicacións de tipo gramatical
- derivativos ou afixos: modifican a súa base con especificacións de tipo léxico. Segundo estean situados antes ou despois da raíz, serán prefixos ou sufixos. Os primeiros crean palabras novas que pertencen á mesma clase morfolóxica cá súa base. Entre os segundos, hai que distinguir entre alterativos (enganden especificacións de dimensión ou connotacións subxectivos, como os aumentativos e diminutivos, pero raramente chegan a crear palabras novas) e os propiamente derivativos (enganden á base unha carga léxica suficiente como para crear palabras novas), que poden ser colectivos, localizadores, profesionais, caracterizadores...
Segundo os seus elementos constitutivos, os nomes poden ser:
- Simples: raíz (+morfemas gramaticais).
- Derivados: raíz + morfemas derivativos (+ morfemas gramaticais)
- Compostos: dúas ou máis raíces (+ morfemas gramaticais).
- Parasintéticos:
a) Derivación + composición
b) Raíz + circunfixo (prefixo + sufixo interdependentes).
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0