Le o fragmento da obra Unha casa con ruídos, de Begoña Muñoz Saá, e sinala as afirmacións correctas.

UNHA CASA CON RUÍDOS (fragmento)

I.- A chegada
(Verán. Casa vella. Vense parcial ou totalmente o salón-comedor e a cociña. Dúas portas comunican co resto das habitacións, outra é unha das saídas da casa. A un lado, unha escada leva á porta do faiado. A través das fiestras da cociña e do salón albíscase un gran encoro).
XIANA: (Mirando pola fiestra). Merda! (Botando unha ollada polo interior da casa). Merda, merda!
TEO: (Que estaba tentando inutilmente abrir a porta do faiado con distintas chaves, baixa pola escada).Nada! (A Xiana).Xa o curioseaches todo? Que che parece? (Xiana permanece en silencio mentres el segue revisando algún armario do salón. Atopa unhas zocas. Cólleas coas puntas dos dedos. Diríxese á cociña coa clara intención de botalas ao lixo). Pois eu, se che son sincero, pensei que aínda estaría peor.
XIANA: Ah! Podía estar peor!
TEO: É unha casa que leva deshabitada máis de corenta anos, nena, e aínda non atopamos nin unha soa arañeira. Que curioso!
XIANA: Aquí non vivirían nin as arañas!
TEO: Entendo. Non che gusta.
XIANA: Cheira mal. Cheira a vello, a podre. Cheira a morto...
TEO: Xiana...
XIANA: É verdade, papá! Dáme noxo. E ademais non hai luz, non hai cuarto de baño, non hai auga... A quen lle pode gustar unha casa así? (Ábrese a porta de fóra. A claridade do día entra con ímpeto canda ELSA, que leva unha máquina de fotos pendurada no pescozo).
ELSA: Que marabilla!, eh? Abride as fiestras! (Abre unha fiestra. Óese non moi lonxe unha cantariña, o lene randear das augas... Olor a camomila e menta poleo).
Que entre o recendo do exterior! Vistes? Un val de margaridas! E o tellado non está tan mal. En inverno haberá goteiras pero agora... E a lareira? Entrastes na lareira? Isto é magnífico, Teo. Foi unha decisión moi acertada. Un entorno así reconcilia a calquera co mundo. Este silencio, é un silencio tan, tan...
XIANA: Superespantoso?
ELSA: Superpuro, diría eu, transparente. Que pasa?
TEO: Está anoxada.
XIANA: Estou anoxada porque estou aburrida. É o colmo do aburrimento!
ELSA: Máis ben creo que te aburres porque queres estar anoxada.
XIANA: Que podo facer aquí, dime? Non teño con quen xogar, nin sitios a onde ir. Aquí non hai nada de nada.

Begoña Muñoz Saá


Se queres ler a obra enteira: PREME AQUÍ