Relaciona cada texto co seu xénero (e, no seu caso, subxénero). Algúns son textos literarios e outros son resumos de diferentes obras.

PREME AQUÍ
-----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

¡Irmán Daniel !
Na praia de Rianxo
caian como bágoas as estrelas
espallaban teus aires derradeiros
bruantes ventos das andinas serras,
e ondas galgantes en cramor chegadas
da pratense ribeira
contaban no areeiro que te foras
da seredaides pol-a plan vereda
o camiño que nunca se desanda
o vieiro sin fin ...Irman Daniel
Na noite pecha
entrei pinal adiante medoñento
a i alma dun feitizo prisioneira
Fungaban os ramallos un responso
brilaba a frouma verdecente acesa
en velorio de honra o teu relembro
Profundador de voces milagreiras
Inquiréu delorido en desespero:
¿de que morte morreu a nosa prenda?
atrávesome o peito
un dór punxente e esguío de saieta
e dinxenle a verdade crú
, tinguindo
cunha pinga de sangre cada verba
¡Morreu do mal dos bós e xeneroso!
¡Morréu de amor a terra!
Irman Daniel... ¡Morreu de amor a terra!
-----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Olla meu irmáu honrado
o que acontez con Daniel:
os que o tiñan desterrado
agora falan ben del.

O palurdo de alma lerda,
o tendeiro desertor,
o vinculeiro de merda
disfrazado de señor.

O lurdo carca refrito,
o monifate de entroido,
o aprendiz de señorito,
marqués de quero e non poido.

O devoto de onanismo,
o feligrés de pesebre,
o tolleito de cinismo
o que dá gato por lebre.

O rateiro de peirao,
o refugallo incivil,
válense de Castelao
pra esconder a caste vil.

Escoita puto nefando,
criado na servidume
non pasará o contrabando
dise teu noxento estrume.

Grotesco escriba sandéu,
inxertado nun rapaso,
Castelao nunca foi teu
porque Castelao é noso.

I anque a ti che importa un pito,
sabrás que é cousa sabida,
que estás incurso en delito
de apropiación indebida.
-----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ó longo de vintecinco capítulos o autor ofrece ó lector unha historia ambientada no século XVI na que se entrecruzan dúas historias paralelas, perfectamente relacionadas e documentadas historicamente dun xeito maxistral, nas que recrea o pasado de Galicia partindo do conflito entre o poder civil e o poder eclesiástico de Compostela, mesturado cunha fermosa historia de amor con trazos románticos e final feliz.

Con gran dominio da lingua, dun xeito ameno e cun abraiante rigor histórico, López Ferreiro trasládanos á cidade de Compostela, verdadeira protagonista da obra, e describe dun xeito preciso os seus monumentos, as súas rúas, prazas e pedras silandeiras que gardan os segredos de antano. A catedral, o barrio de Bonaval e a praza do Outeiral van ser as testemuñas e o escenario que enmarca a incipiente burguesía compostelá, o mundo dos gremios artesáns e as vidas do arcebispo, Tareixa, Catuxa, Gonçalvo, Rodrigo Bendaña, Froitoso de Ulloa e mais de Rodrigo Abril. A voz anónima de Compostela é o fío conductor que serve para recrear as peripecias destes personaxes que deambulan polas páxinas e que reflicten a esencia de todo un pobo, a través da súa fala, costumes e vivencias diarias.
-----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Xa por detrás dos montes se escondía
O rubo pai da luz en carro de ouro;
De nubarróns o ceo se cubría,
Tendía a noite ao lexos manto mouro,
Enterraba o tesouro
O avaro gardador, medio ás escuras,
E polas espesuras
Xa non cantaban ledos paxariños;
As ovellas, balando co os filliños,
Pra os curros os lindeiros se escapaban;
O traballo os paisanos xa deixaban
Pra volver xunto ás mais dos seus meniños,
E os barcos preparando
Pra o mar mariñeiro ía cantando

Cando sentado nunhas altas penas
Que o mar batía con feroz ruxido
Ardendo en lume vivo as súas venas
Centellándolle os ollos encendidos,
Xamais adormecidos,
Belmiro, labrador, se lamentaba
E os seus gritos alzaba
Aos ceos dos seus males causadores
Contándolles aos aires seus dolores.
Xa tamén revolcándose na area,
Das súas bágoas empapada e chea,
Xa ás rocas lles contaba os seus amores,
Xa o triste deliraba
E en semexantes voces se expresaba
-----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

PREME AQUÍ
-----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Amador Ribeiro é un inspector de policía de Vigo, violento e solitario. Amigo do xogo e do alcohol, vive nun mundo sórdido, cheo de rancor, de homes e mulleres da noite. Ademais non é ben querido na Comisaría. Os seus compañeiros recean dese home coa mirada extraviada, de trazos duros. Un día recibe o encargo do comisario de levar a cabo a investigación máis estraña da súa vida: nos montes da vila de Lenzo van aparecendo uns corpos que se afastan do aspecto dos cadáveres deixados por un asasino convencional. Os corpos están transformados, convertido nas trazas doutra cousa, de algo que non se pode definir. É como se os cadáveres fosen o soporte onde o asasino plasma a súa arte.
Xa en Lenzo Amador comeza as investigacións. Para el semella todo diferente; é un home de cidade, non se afai á vila. Asígnanlle unha compañeira compostelá, María. Entre eles comeza a xerar a rivalidade e mesmo o odio. Pero as pescudas lévano a actuar só, coa mente chea de confusión, case que nos lindeiros da tolemia, mais é quen de comprender que a posibilidade de resolución do caso se está a converter nunha solitaria oportunidade para a redención polo dano que fixo, por todas esas noites pola cidade vivindo a única vida posible, a dos que xa nada agardan. Así, os acontecementos precipítanse de tal xeito que é como se entrase nun labirinto, onde están só el e o asasino.
Pegadas nun labirinto baleiro , Xosé Manuel García López
-----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Na torre da illa de Toralla, en plena ría de Vigo, aparece o cadáver dun saxofonista. O asasinato, dunha crueldade e sangue frío inusitados, vai ser investigado por Leo Caldas, inspector de policía que compaxina o seu traballo na comisaría cun consultorio radiofónico.
-----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

No peto de ánimas da Leira dos Pintado, en Ponterrubiáns, cinco versos proporcionan unha misteriosa clave. Trátase das pistas que permitirían descubrir o tesouro que un bispo do S.XVIII agachara na vila.
A desaparición da súa profesora levará a Natalia e Guillerme, compañeiros de instituto, a adentrarse no enigma, que se acaba convertendo nunha perigosa aventura na que só contarán coa axuda da súa intuición e intelixencia, ademais dun videoxogo de última xeración.
-----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

A lagoa de Cospeito
No lugar no que hoxe se atopa a lagoa de Cospeito, existiu nun tempo unha vila que chamaban Valverde. Disque a esta vila chegou un día un mendigo pedindo pousada, pero todas as portas se ían pechando ao seu paso. Ata que, xa ás aforas do lugar, foi acollido nunha casiña humilde, onde lle deron abrigo. O mendigo pediu que polo amor de Deus lle desen tamén algo de comer, pero os veciños só tiñan unha becerra no cortello, a súa única forma de manutención. Así e todo, decidiron sacrificala para darlle comida a aquel pobre home.
Logo de cear, o visitante díxolles aos da casa que antes de se deitar, botasen os ósos pequenos da becerra no cortello pequeno, e os grandes no cortello grande; malia que non entendían a razón decidiron facelo así e foron durmir.
Ao día seguinte, ao mencer, o mendigo despertou a berros aos da casa pedíndolles leite para o almorzo. Os veciños pensaban que toleara e lembráronlle que o único animal que tiñan o mataran a noite anterior para darlle algo de cear. Pero o mendigo respondeulles: «¡Claro que tedes vacas que munxir! E iso é tan certo como que a vila de Valverde fica asolagada». Asombrados, os donos da casa foron aos cortellos e atoparon no pequeno varias becerras e no grande varias vacas. Logo miraron fóra e viron que a vila de Valverde fora, efectivamente, asolagada. Hoxe é a lagoa de Cospeito.
Hai quen di que aquel mendigo non era outro que Xesús Cristo, que andaba a comprobar a xenerosidade dos homes. E hai quen di que nas noites de San Xoán pódense escoitar preto da lagoa as badaladas da igrexa de Valverde. e ata hai quen asegura ter visto en épocas de sequía os tellados da vella vila de Valverde.
-----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Said e Sheila, os dous irmáns da época futura, viven nas páxinas deste volume as súas máis sorprendentes e arriscadas aventuras. Saben que o futuro non é algo inevitable, senón algo por construír, que temos que facer entre todos. E así o demostran en cada unha das súas aventuras viaxando do futuro ao pasado, e desprazándose no seu transportador por todo o planeta, dende a Antártida a Grecia, dende Suíza á Arxentina, dende Brasil á parroquia de Loreda, a aldeíña galega onde viven conectados ao mundo co seu ordenador, pacifistas, solidarios, defensores da xustiza e do medio ambiente, coa axuda da súa panda de amigos e amigas, saberán enfrontar con optimismo a aqueles que pretenden facerse donos do planeta.
-----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------